Wednesday 15 de May de 2024

A Secretaría Xeral para o Deporte reparte máis de 400.000€ entre 145 entidades deportivas da Coruña para o desenvolvemento das súas actividades


As achegas servirán para apoiar o funcionamento destas organizacións, favorecer a participación dos clubs en ligas ou campionatos oficiais, contribuír á promoción do deporte de base e para a compra de material

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou das resolucións da Secretaría Xeral para o Deporte que se destinan aos clubs deportivos da comarca para que poidan desenvolver as súas actividades, participar en competicións e renovar o seu material deportivo.

Neste senso, apuntou que “os clubs deportivos da Coruña e comarca recibirán máis de 400.000 euros en axudas para o desenvolvemento das súas actividades. Trátase de achegas destinadas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións escolares”. En total, 145 organizacións deportivas coruñesas pertencentes ás máis variadas disciplinas, recibirán estas axudas.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar as actividades e a participación dos clubs en ligas ou campionatos oficiais de ámbito galego, estatal ou internacional, así como tamén facilitar o material necesario para que poidan desenvolver as súas actividades”. Segundo indicou Ovidio Rodeiro “trátase de contribuír a universalizar a práctica deportiva, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado territorial tamén apuntou que todas estas entidades deben conxugar o seu traballo de forma complementaria para consolidar todos os itinerarios do deporte, desde a formación base, pasando pola competición, ata o alto rendemento deportivo. “Todo isto no seu conxunto cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”, indicou.